Manual do cidadán
Guía paso a paso para rexistrarte, explorar eventos e xestionar as túas reservas no Sistema Integral de Reservas.
Crear unha conta
Para reservar prazas en calquera evento necesitas ter unha conta. O rexistro é gratuíto e só se fai unha vez. Podes rexistrarte co teu correo electrónico ou directamente coa túa conta de Google — son dúas formas distintas de rexistrarte, cada unha coas súas propias pasos.
Rexistro con correo electrónico
Se prefires rexistrarte con Google, os pasos son distintos aos de abaixo: vai directamente a Acceso con Google.
Abre a aplicación e preme Rexístrate na pantalla de inicio.
Cobre o formulario cos datos indicados abaixo.
Preme Crear conta. Se todo é correcto, o sistema mostrarache unha pantalla indicándoche que revises o teu correo electrónico para activar a conta.
📸 Captura: formulario de rexistro completo Vista do formulario cos seis campos e o botón «Crear conta»
| Campo | Descrición | Exemplo |
|---|---|---|
| Nome * | O teu nome de pía | María |
| Apelidos * | Os teus apelidos | García López |
| Correo electrónico * | O teu enderezo de email. Será o teu nome de usuario. | teu@email.com |
| DNI / NIE * | DNI: 8 díxitos + letra maiúscula (sen espazos nin guións). NIE: letra X, Y ou Z + 7 díxitos + letra. | 12345678Z · X1234567Z |
| Teléfono * | Número de contacto. | 600 000 000 |
| Contrasinal * | Mínimo 8 caracteres. Elixe un que non uses noutros sitios. | — |
* Campos obrigatorios.
O campo acepta DNI (8 números + letra maiúscula, ex: 12345678Z) ou NIE (letra X, Y ou Z + 7 números + letra maiúscula, ex: X1234567Z). Non uses espazos, puntos nin guións. Se o formato é incorrecto, o formulario avisarache antes de enviar.
Garda ben o teu correo electrónico e contrasinal. Necesitaralos cada vez que queiras acceder á aplicación.
Iniciar sesión
Se xa tes conta, accede co teu correo e contrasinal.
Na pantalla de inicio, preme Inicia sesión.
Introduce o teu correo electrónico no campo Email ou acceso de xestión e o teu Contrasinal.
Preme Iniciar sesión.
📸 Captura: pantalla de inicio de sesión Formulario cos campos «Email ou acceso de xestión» e «Contrasinal» e o botón «Iniciar sesión»
O campo de acceso chámase «Email ou acceso de xestión» porque o persoal de xestión entra cun nome de usuario. Como cidadán, ti sempre accedes co teu correo electrónico (ou con Google).
Se o sistema non che deixa entrar, comproba que o correo e o contrasinal sexan correctos. Os contrasinais distinguen entre maiúsculas e minúsculas. Se non lembras o teu contrasinal, preme «¿Esqueciches o teu contrasinal?» para recibir unha ligazón de recuperación por email.
Verificación de correo electrónico
Ao rexistrarte con correo electrónico (non con Google), o sistema enviarache unha mensaxe de verificación. Revisa a túa caixa de entrada e preme na ligazón que atoparás dentro. Abrirase unha pantalla na que tes que premer o botón Activar a miña conta para confirmar o teu enderezo de email — a ligazón por si soa non abonda, fai falta ese clic. Ao facelo, entrarás directamente na aplicación xa coa sesión iniciada, sen ter que volver escribir o teu contrasinal.
Reenviar verificación
Se non atopas o correo de verificación, podes solicitar un novo envío desde a pantalla /auth/reenviar-verificacion introducindo o teu email. Revisa tamén o cartafol de correo non desexado ou spam.
Se a túa conta non está verificada, é posible que non poidas acceder a todas as funcións ou que o sistema che lembre que verifiques o teu email ao iniciar sesión. A verificación só é necesaria se te rexistraches con email e contrasinal; os usuarios de Google non precisan este paso.
Acceso con Google
Podes rexistrarte e iniciar sesión usando a túa conta de Google. Aínda así, ao completar o rexistro pedirase che un contrasinal — así que, desde o primeiro día, a túa conta queda lista para entrar das dúas formas: co botón de Google, ou co teu correo e ese contrasinal.
Primeira vez con Google
Na pantalla de rexistro ou de inicio de sesión, preme o botón de Google.
Selecciona a túa conta de Google e autoriza o acceso.
-
A aplicación levarache a unha pantalla de «Completa o teu rexistro» onde deberás confirmar o teu nome, engadir o teu DNI (que Google non proporciona automaticamente) e crear un Contrasinal (mínimo 8 caracteres).
Preme Completar rexistro. Xa podes usar a aplicación.
📸 Captura: pantalla «Completa o teu rexistro» Formulario con nome preenchido, email de só lectura, campo DNI baleiro e campo de contrasinal
O teu correo de Google aparecerá bloqueado co texto «Verificado por Google. Non se pode modificar.» Isto é normal e significa que a túa identidade xa está verificada.
Ese contrasinal non é só un trámite: serve para entrar co teu correo electrónico en calquera momento, sen pasar por Google. Útil se algunha vez non tes á man a túa conta de Google ou prefires iniciar sesión directamente con email e contrasinal.
Accesos seguintes con Google
A partir do segundo acceso, preme o botón de Google na pantalla de inicio de sesión e selecciona a túa conta. Non fai falta cubrir nada máis.
Explorar o catálogo de eventos
Ao entrar na aplicación verás o catálogo de eventos dispoñibles. Non fai falta estar rexistrado para consultar a oferta.
📸 Captura: catálogo principal de eventos Vista xeral coas tarxetas de eventos, os filtros laterais e as pestanas «Próximos eventos» / «Eventos pasados»
Pestanas principais
- Próximos eventos — eventos con sesións aínda por celebrar.
- Eventos pasados — arquivo de eventos xa finalizados.
Filtros de busca
No panel lateral (ou premendo Filtros en móbil) podes acoutar a busca:
| Filtro | Para que serve |
|---|---|
| Categoría | Mostra só eventos dun tipo concreto (cultura, deporte, educación…) |
| Ordenar por | «Próximos primeiro» ou «Máis recentes» |
| Dende / Ata | Filtra por rango de datas |
| Só eventos de balde | Oculta os eventos de pago |
| Só con prazas dispoñibles | Oculta sesións completas |
Para quitar todos os filtros activos, preme Limpar filtros.
📸 Captura: panel de filtros despregado Panel lateral con todos os filtros visibles e o botón «Limpar filtros»
Se non aparece ningún evento, proba a premer Limpar filtros. É posible que teñas un filtro activo que estea ocultando os resultados.
Os teus favoritos no catálogo
Se iniciaches sesión e tes eventos marcados como favoritos, cada unha desas tarxetas mostrará un pequeno corazón vermello na parte inferior. Así podes identificalos dun vistazo sen ter que entrar na túa área persoal.
Ademais, se algún dos teus favoritos ten sesións próximas con prazas dispoñibles, aparecerá un aviso destacado na parte superior do catálogo co nome deses eventos e unha ligazón directa a cada un. Podes pechalo premendo o × se xa o viches.
O aviso de favoritos é a forma máis rápida de saber cando se abren prazas nun evento que che interesa, sen ter que revisar o catálogo manualmente.
Ver os detalles dun evento
Preme sobre calquera tarxeta do catálogo para abrir a páxina de detalle. Aquí atoparás a descrición completa, as sesións dispoñibles, o aforo e a información de contacto do centro.
📸 Captura: páxina de detalle de evento Imaxe do evento, título, descrición, sesións dispoñibles con prazas e sección «Reservar praza»
Para volver ao catálogo, preme ← Regresar na parte superior da páxina.
Navegar entre eventos
Na páxina de detalle atoparás dous botóns de frecha (← e →) para saltar ao evento anterior ou ao seguinte sen volver ao catálogo. Se non hai evento anterior ou seguinte, o botón correspondente aparece desactivado.
📸 Captura: botóns de navegación ← → Frechas de navegación visibles na páxina de detalle do evento
Estados dunha sesión
Cada sesión mostra o seu estado xunto ao número de prazas:
| Estado | Significado |
|---|---|
| X prazas | Hai prazas dispoñibles. Podes reservar. |
| Poucas prazas | Quedan moi poucas prazas. Reserva canto antes. |
| Completa | Non quedan prazas. Non é posible reservar, pero podes inscribirte na lista de agarda se o evento o permite. |
| Pechada | O prazo de reserva rematou. |
Eventos de entrada libre
Algúns eventos non requiren reserva: son de entrada libre. Recoñeceralos polo distintivo «Entrada libre» na tarxeta do catálogo. Na súa páxina de detalle, no canto do formulario de reserva verás a mensaxe: «Este evento non require reserva previa. Ven cando queiras!». Simplemente preséntate no lugar e na data indicados, sen QR nin rexistro.
Facer unha reserva
Para reservar, necesitas ter iniciado sesión; se non o fixeches, a aplicación pedirache que accedas antes de continuar. A única excepción son os eventos con reserva de convidado: neses poderás reservar sen conta desde a mesma sección (ver Reservar como convidado).
-
Na páxina de detalle do evento, localiza a sección «Reservar praza».
-
Elixe a sesión que che interese no selector Selecciona unha sesión. Só aparecen as sesións con prazas dispoñibles.
-
Elixe o número de prazas. Podes reservar entre 1 e 5 prazas por reserva (ou só 1 praza se o evento é de reserva individual):
- Eventos gratuítos — axusta o número cos botóns − e +.
- Eventos de pago — verás unha fila por cada tarifa (por exemplo «Adulto», «Menores de 12»…), cada unha co seu prezo e os seus botóns − e +. Elixe cantas prazas queres de cada tarifa; o importe total móstrase actualizado debaixo.
-
Se o evento ten preguntas adicionais ou obradoiros, completaraas ao premer Reservar praza, na ventá de confirmación — e persoa a persoa se reservas varias prazas. Ver Reservas de grupo máis abaixo.
-
Preme Reservar praza.
📸 Captura: sección «Reservar praza» Selector de sesión, control de número de prazas (−/+) e botón «Reservar praza»
📸 Captura: exemplo con preguntas adicionais Sección de preguntas dinámicas debaixo do selector de prazas (só aparece se o evento as ten)
Só podes ter unha reserva activa por sesión. Se tentas reservar nunha sesión na que xa tes prazas, a aplicación mostrarache a opción de editar a túa reserva existente.
Reservas de grupo (2 a 5 persoas)
Se reservas varias prazas, ao premer Reservar praza ábrese unha ventá de confirmación cun paso a paso por persoa:
A primeira persoa es «TI» (o titular, que xa se coñece pola túa conta): só respondes as túas preguntas e elixes os teus obradoiros, sen escribir nome nin email.
Para cada persoa adicional pídese o seu nome (obrigatorio) e o seu email (opcional, para poder enviarlle a enquisa de satisfacción despois do evento).
Cada persoa responde as súas propias preguntas e elixe os seus propios obradoiros.
Podes repetir as túas respostas ao resto do grupo: o botón Repetir todo para o resto copia as túas respostas a todas as demais persoas, e Repetir resposta copia unha soa pregunta. Non se pode repetir nas preguntas de datos sensibles nin nas marcadas como «Resposta individual en grupos».
Se o grupo inclúe datos sensibles doutra persoa (non teus), terás que marcar a declaración responsable antes de confirmar.
Elixir un obradoiro
Se o evento ten obradoiros (actividades paralelas con prazas propias), ao confirmar a reserva terás que elixir o teu — obrigatorio se o organizador o marcou así. Nunha reserva de unha persoa elíxese directamente na ventá de confirmación; nunha de varias, cada persoa elixe o seu dentro do paso a paso. O aforo de cada obradoiro xestiónase de forma independente do da sesión.
Se dous obradoiros ocorren á mesma hora, non poderás elixir os dous para a mesma persoa: non se pode estar en dous sitios á vez. Se ao intentalo ves un erro de horario, elixe un dos dous.
Mensaxes de erro habituais
→ Non elixiches sesión. Preme o despregable e selecciona unha.
→ Tentaches reservar 0 ou máis de 5 prazas.
→ Hai preguntas sen contestar. Revisa o formulario e cobre os campos marcados.
Reservar como convidado (sen conta)
Algúns eventos permiten reservar sen crear unha conta. Na sección «Reservar praza», se non iniciaches sesión e o evento o permite, aparece a opción Continuar como convidado.
Preme Continuar como convidado e cobre o teu nome, teléfono e email (obrigatorio: por aí chégache a ligazón para confirmar).
Responde as preguntas e elixe o obradoiro se o evento o pide, e preme Reservar como convidado.
Revisa o teu correo: recibirás unha ligazón para confirmar a reserva nos próximos 30 minutos. Se non confirmas, a praza libérase automaticamente.
O mesmo correo inclúe unha ligazón para cancelar a reserva se finalmente non podes asistir.
Cada reserva de convidado é dunha soa persoa e só se permite unha por correo electrónico e sesión. Se precisas reservar para varias persoas, crea unha conta: así poderás xestionar a reserva desde «A miña área».
Confirmación e código QR
Tras reservar correctamente, aparecerá a mensaxe:
Nese email atoparás o resumo da túa reserva e o teu código QR de acceso. O QR é o pase que debes presentar na porta o día do evento.
📸 Captura: email de confirmación de reserva Exemplo do correo recibido co resumo do evento, a sesión, as prazas e o QR incrustado
Tamén podes ver e imprimir o teu QR en calquera momento desde a sección «As miñas reservas» da túa área persoal (ver sección Ver o código QR).
Avisarémoste por correo a véspera do evento e de novo 2 horas antes de que comece, co teu QR. Se reservaches como convidado, o recordatorio da véspera inclúe tamén a ligazón para cancelar por se non podes asistir.
Se non recibes o email en poucos minutos, revisa o cartafol de correo non desexado ou spam. Busca unha mensaxe co asunto «Confirmación de reserva: [nome do evento]».
Pagar unha reserva
Algúns eventos son de pago. Se reservas nun deles, a reserva queda rexistrada pero o acceso ao evento só estará garantido unha vez teñas aboado o importe.
Como pagar en liña
Vai a «A miña área» → pestana As miñas reservas. As reservas pendentes de pago mostran o botón Pagar agora.
Preme Pagar agora. Serás redirixido á pasarela de pago segura.
Completa o pago cos datos da túa tarxeta.
A aplicación devolverache á pantalla de confirmación.
📸 Captura: botón «Pagar agora» na tarxeta de reserva Tarxeta de reserva co botón «Pagar agora» visible baixo o nome do evento
Pago confirmado
Se o pago complétase correctamente verás esta pantalla:
Desde aí podes premer Ver as miñas reservas para volver á túa área persoal, ou Ver xustificante para consultar os datos do teu pago no momento (ver sección Ver e descargar o xustificante de pago). A reserva xa non mostrará o botón de pago.
📸 Captura: pantalla de pago confirmado Icona verde de confirmación, mensaxe «Pago confirmado!» e os botóns «Ver as miñas reservas» e «Ver xustificante»
Non fai falta descargalo nese momento: o botón Xustificante queda dispoñible sempre na tarxeta da túa reserva, desde «A miña área» → pestana As miñas reservas.
Pago non completado
Se o pago falla ou cancelas o proceso na pasarela, verás a mensaxe «Pago non completado». A túa reserva segue activa pero sen aboar. Podes reintentar o pago premendo Reintentar pago ou volver ás túas reservas e pagalo máis tarde.
📸 Captura: pantalla de pago non completado Icona vermella, mensaxe «Pago non completado» e os botóns «Reintentar pago» e «Volver ás miñas reservas»
Pagar en taquilla
Se prefires non pagar en liña, tamén podes aboar o importe o mesmo día do evento na taquilla do centro. O persoal rexistrará o pago e a túa reserva quedará confirmada.
En eventos con aforo moi limitado, o organizador pode esixir o pago previo para garantir a túa praza. Se tes dúbidas, contacta co centro antes do evento.
Modificar o número de prazas
Como cambias a túa reserva depende de se xa vas acompañado ou non.
Se reservaches só e agora queres traer máis xente
Entra na páxina de detalle do evento coa túa reserva activa.
Preme Cambiar meu nº de prazas na sección de reserva.
Sube o número de prazas (en eventos de pago, a cantidade de cada tarifa) e cobre o nome — e as respostas ou o obradoiro, se o evento os pide — de cada persoa nova.
Preme Editar reserva para confirmar.
Se a túa reserva xa é de grupo (xa tes acompañantes rexistrados)
O botón da páxina do evento xa non serve para o teu caso — ao ter xa datos propios gardados por persoa, a aplicación pídeche xestionar os cambios desde «A miña área» no seu lugar:
Vai a «A miña área» → pestana As miñas reservas.
Localiza a túa reserva e preme Ver detalle (o mesmo despregable onde consultas quen vai contigo e que obradoiro elixiu cada un — non hai unha pantalla aparte para editar).
-
Se a túa reserva se pode editar, ese mesmo despregable trae os controis xunto a cada persoa:
- Quitar — retira esa persoa (pódese desfacer con Desfacer antes de gardar).
- Cambiar obradoiro — só se o evento ten obradoiros; elixe outro para esa persoa en concreto.
- + Engadir persoa — desprega un formulario para dar de alta a alguén novo (nome, respostas e obradoiro se o evento os pide).
Ningún cambio se aplica ata que premas Gardar cambios, que aparece embaixo de todo en canto marcas algo — podes marcar varias cousas á vez (quitar a un, engadir a outro, cambiar o obradoiro dun terceiro) e confirmalas todas xuntas.
Por cada cambio que confirmes recibirás un correo electrónico á parte (se quitas unha persoa e cambias o obradoiro doutra á vez, chegan dous emails, un por cada cousa). O aviso chega ao email propio da persoa afectada se o tiña gardado; se non, chega ao titular da reserva.
Ao titular da reserva (ti) nunca se lle pode quitar desde aquí — se queres deixar de ir ti, cancela a reserva enteira no seu lugar.
Se a túa reserva xa está pagada ou co pago pendente, «Ver detalle» quédase en modo só lectura e indícao cunha mensaxe explícita (algo como «Esta reserva está pagada, non é posible editala») — non é que falte un botón, é que nese caso non se pode.
Cancelar unha reserva
A cancelación non se pode desfacer. As prazas quedan libres para outros cidadáns. Cancela só se estás seguro de que non vas asistir.
Se reservaches como convidado (sen conta), non tes «A miña área»: cancela desde a ligazón de cancelación que che enviamos por correo, tanto no email de confirmación como no recordatorio da véspera.
Vai a «A miña área» → pestana As miñas reservas.
Localiza a reserva que queres cancelar e preme Cancelar reserva.
-
Aparecerá unha ventá de confirmación. A mensaxe depende do estado de pago da túa reserva:
-
Reserva pagada por internet (EN LIÑA):
«Pagaches [importe] por esta reserva. Ao cancelar, o sistema iniciará unha devolución automática. O reembolso pode tardar varios días en facerse efectivo segundo o teu banco.» -
Reserva pagada en taquilla (presencial):
«Pagaches [importe] en taquilla. Ao cancelar, deberás pasar polo centro para solicitar a devolución do importe.» -
Reserva pendente de pago:
«Tes un pago pendente por [importe]. Ao cancelar, anularase a reserva e non se procesará o cobro.»
-
Reserva pagada por internet (EN LIÑA):
Preme Si, cancelar reserva para confirmar, ou Volver se cambiaches de idea.
¿Que pasa despois de cancelar?
Recibirás un correo electrónico de confirmación co resumo da cancelación. Se a túa reserva tiña pago EN LIÑA, o correo incluirá a confirmación do reembolso automático.
📸 Captura: ventá de confirmación de cancelación Ventá emerxente coa mensaxe de advertencia e os botóns «Si, cancelar reserva» e «Volver»
Apuntarse á lista de agarda
Se unha sesión está completa e o organizador o permite, non quedas sen opcións: podes inscribirte na lista de agarda e avisarémoste por correo en canto se libere unha praza.
¿Cando aparece a lista de agarda?
Cando abres un evento, cada sesión mostra o seu estado. Se a sesión aparece como Completa e o evento ten lista de agarda, no canto do botón de reserva verás a ligazón Apuntarme á lista de agarda.
Se a sesión aínda ten prazas libres, non verás a lista de agarda: poderás reservar directamente como sempre.
Como inscribirte
Se unha sesión está completa, podes anotarte na lista de agarda desde o botón destinado para iso: quedas inscrito no momento e chégache un correo de aviso, que ademais inclúe unha ligazón para darte de baixa se cambias de idea. Tamén podes facelo desde A miña área.
¿E se se libera unha praza?
En canto alguén cancela e se libera unha praza, enviámosche un email cun botón Reservar agora que che leva á páxina do evento. Podes recibir ata 3 avisos, con 24 horas de separación entre eles.
Estar na lista de agarda non reserva a praza automaticamente: a praza consíguese completando a reserva da forma habitual, e vai para a primeira persoa que o faga. Canto antes reserves ao recibir o aviso, máis opcións terás.
Como darte de baixa
Podes saír da lista de agarda cando queiras:
Se tes conta, desde A miña área → Lista de agarda, premendo o botón Darme de baixa da túa inscrición.
Se non tes conta, ou prefires facelo desde o correo, usando a ligazón de baixa que aparece nos emails da lista.
¿Que pasa se non consigo praza?
Se a sesión celébrase sen que puideses reservar, a túa inscrición dáse por caducada e non recibirás máis correos. Se o organizador cancela a sesión, avisarémoste por email e a túa inscrición eliminarase automaticamente, sen que teñas que facer nada.
A miña área — As miñas reservas activas
En «A miña área» (accesible desde o menú de usuario unha vez iniciada a sesión) tes todo centralizado: reservas, historial, favoritos e o teu perfil.
Acceso rápido ao QR cando tes un evento agora
Se abres «A miña área» na hora anterior ou posterior ao inicio dunha sesión na que tes reserva, verás un aviso destacado na parte superior da pantalla, antes das pestanas. Este aviso mostra o nome do evento, o tempo que queda ou leva empezado, e un botón grande:
Ver QR de acceso
Un só toque e o código QR aparece en pantalla listo para presentar na porta. Non fai falta navegar polas pestanas nin buscar a reserva entre varias.
Consello para o día do evento: abre «A miña área» nada máis chegar ao lugar. Se o aviso aparece, preme directamente «Ver QR de acceso». Se non aparece, vai á pestana As miñas reservas e preme Ver QR na reserva correspondente.
Unha reserva considérase activa ata 60 minutos despois do inicio da sesión. Se chegas con máis dunha hora de atraso, a reserva pasará ao Historial e deberás buscala alí ou contactar co persoal do evento.
📸 Captura: aviso de acceso rápido en «A miña área» Banner azul na parte superior co nome do evento, tempo restante e botón «Ver QR de acceso»
As tarxetas de reserva
A pestana As miñas reservas mostra todas as túas reservas vixentes ordenadas por proximidade: a máis próxima aparece primeiro. Desde cada tarxeta podes:
- Ver detalle — desprega os datos da túa reserva: quen vai contigo (se reservaches para varias persoas), que obradoiro elixiu cada un e as respostas ás preguntas do evento. Está dispoñible tamén se reservaches só para ti.
- Ver QR — mostra o teu código QR de acceso.
- Xustificante — mostra os datos do teu pago e permite descargalos en PDF (só visible se a reserva é de pago e xa está pagada ou reembolsada; ver sección Ver e descargar o xustificante de pago).
- Pagar agora — só visible en eventos de pago pendente.
- Cancelar reserva — cancela a reserva (ver sección anterior).
📸 Captura: tarxeta dunha reserva activa Tarxeta co título do evento, data, hora, número de prazas, a ligazón «Ver detalle» e os botóns «Ver QR» e «Cancelar reserva»
Ver o código QR
O código QR é o pase dixital que o persoal do evento escaneará na porta para confirmar a túa asistencia. Podes mostralo directamente en pantalla ou imprimilo.
Acceso máis rápido: o aviso de evento inmediato
Se abres «A miña área» dentro da hora anterior ou posterior ao inicio da túa sesión, verás o aviso azul na parte superior da pantalla. Preme Ver QR de acceso directamente — non fai falta ir a ningunha pestana.
Acceso estándar desde «As miñas reservas»
Vai a «A miña área» → pestana As miñas reservas.
A reserva máis próxima aparece a primeira. Preme Ver QR.
O QR aparecerá en pantalla. Amósallo ao persoal para que o escaneen.
📸 Captura: código QR dunha reserva Ventá co código QR grande e lexible para mostrar en pantalla ou imprimir
Compartir a ligazón do evento
Dentro da ventá do QR, xusto debaixo do código, atoparás a ligazón directa ao evento. Preme Copiar ligazón para copiala ao portapapeis e compartila con quen queiras por mensaxe, email ou redes sociais.
Se prefires levar o QR en papel, imprime a imaxe ou o email de confirmación que recibiches ao reservar. Ambos teñen o mesmo QR e son igualmente válidos.
Se chegas con máis de 60 minutos de atraso e a reserva xa non aparece en «As miñas reservas», búscaa na pestana Historial — o QR pode estar alí aínda. En caso de dúbida, o persoal do evento tamén pode localizarte polo teu DNI ou NIE.
Se perdiches o QR e non lembras o teu email de acceso, o persoal do evento tamén pode localizarte polo teu DNI ou NIE. Leva o teu documento de identidade contigo por se acaso.
Ver e descargar o xustificante de pago
Se a túa reserva ten un pago asociado, podes consultar en calquera momento os datos do pago: evento, sesión, titular, data de pago, importe, número de pedido e código de autorización da pasarela de pago — este último dato é o que permite verificar o pago directamente contra o banco.
Nada máis completar o pago, na pantalla de confirmación preme o botón Ver xustificante.
Máis adiante, podes volver a consultalo desde «A miña área» → pestana As miñas reservas → botón Xustificante na tarxeta da túa reserva. Se o evento xa pasou, a reserva estará na pestana Historial no seu lugar, co mesmo botón.
Ábrese unha ventá con todos os datos do pago xa visibles en pantalla, sen necesidade de descargar nada.
Se necesitas o documento (por exemplo, para presentalo como comprobante), preme Descargar PDF dentro desa mesma ventá.
📸 Captura: ventá de xustificante de pago Ventá con evento, sesión, titular, data de pago, importe, número de pedido e código de autorización, e o botón «Descargar PDF» ao final
Se a túa reserva foi reembolsada, a ventá inclúe un aviso indicando a data do reembolso (tamén se reflicte no PDF se o descargas).
Historial de reservas
A pestana Historial en «A miña área» mostra todas as túas reservas pasadas e canceladas. É útil para consultar eventos aos que xa asististe ou para lembrar se deixaches pendente deixar unha reseña.
Se unha desas reservas ten un pago pagado ou reembolsado, verás tamén aquí o botón Xustificante (ver sección Ver e descargar o xustificante de pago) — non fai falta que a reserva siga activa para consultalo.
📸 Captura: pestana Historial Lista de reservas pasadas e canceladas con data e nome do evento
Favoritos
Os favoritos permítenche gardar eventos que che interesan para seguilos de preto. Necesitas ter a sesión iniciada para usalos.
Marcar ou desmarcar un favorito
Preme a icona de corazón na páxina de detalle do evento. Verás unha notificación breve: «Engadido a favoritos» ou «Eliminado de favoritos».
O corazón no catálogo
Cando navegas polo catálogo, as tarxetas dos teus eventos favoritos mostran un pequeno corazón vermello na parte inferior. Así podes identificalos dun vistazo sen necesidade de entrar en cada evento.
Os teus favoritos gardados
Vai a «A miña área» → pestana Favoritos para ver todos os teus eventos gardados. Preme Ver evento → en calquera deles para ir á súa páxina de detalle.
Ao premer o botón Atrás desde a páxina do evento, volverás directamente á pestana Favoritos no canto de ir á pestana de reservas.
📸 Captura: pestana Favoritos Lista de eventos gardados coa ligazón «Ver evento →» en cada un
Aviso de sesións dispoñibles
Se algún dos teus favoritos ten sesións próximas con prazas libres, aparecerá un aviso destacado na parte superior do catálogo co nome deses eventos e unha ligazón directa a cada un. Podes pechalo premendo o × cando xa o teñas visto.
O aviso só aparece para eventos nos que aínda non tes ningunha reserva activa. Se xa estás apuntado a unha sesión dese evento, desaparece do aviso automaticamente.
O aviso de favoritos é a forma máis rápida de enterarte cando un evento que che interesa abre novas prazas, sen ter que revisar o catálogo a diario.
Engadir ou quitar un favorito é inmediato e só require estar coa sesión iniciada. Verás unha notificación breve: «Engadido a favoritos» ou «Eliminado de favoritos».
Deixar unha reseña
Despois de asistir a un evento, podes deixar a túa valoración. O botón Valorar este evento aparece na pestana Historial xunto a cada reserva cuxa asistencia foi confirmada polo persoal na porta.
Vai a «A miña área» → pestana Historial.
Localiza o evento que queres valorar.
Preme Valorar este evento para abrir o formulario de valoración.
Valorar desde a páxina do evento
Tamén podes deixar a túa reseña desde a páxina de detalle do evento (/evento/[slug]). Se asististe ao evento e a túa entrada foi confirmada polo persoal, verás un apartado de valoración onde podes puntuar con estrelas (do 1 ao 5) e escribir un comentario opcional.
Só podes valorar eventos nos que a túa asistencia foi confirmada polo persoal na entrada. Se asististe pero o botón non aparece, é posible que a túa entrada non quedase rexistrada. Contacta co centro organizador.
📸 Captura: pestana Historial co botón de valoración Tarxeta de reserva pasada co botón «Valorar este evento» visible
Isto é distinto da enquisa de satisfacción que pode que che chegue por email: a reseña é a túa valoración pública con estrelas e comentario na páxina do evento; a enquisa é un cuestionario propio que cada centro organizador deseña para o seu evento, e non é pública.
Enquisa de satisfacción
Algúns eventos teñen unha enquisa de satisfacción propia, con preguntas definidas polo centro organizador (non son as mesmas «Preguntas adicionais» que respondiches ao reservar). Podes recibila por dúas vías:
Por email, tras asistir
Se a túa asistencia foi confirmada polo persoal no acceso (check-in), recibirás un correo cunha ligazón persoal á enquisa ao día seguinte de que remate a sesión á que asististe. Se non respondes, pode chegarche un único recordatorio uns días despois cunha ligazón nova (a do primeiro correo deixa de funcionar en canto se envía o recordatorio).
A ligazón é persoal e intransferible: non fai falta iniciar sesión para responder, pero só funciona unha vez e caduca pasado un tempo. Se xa respondiches, se a ligazón caducou, ou se a enquisa xa non está activa, verás unha pantalla indicándoo no canto do formulario — nunca un erro.
Só chega este correo se a túa asistencia foi confirmada de verdade na porta. Se reservaches pero non asististe (ou a túa entrada non quedou rexistrada), non recibirás a enquisa dese evento.
Por código QR, no propio evento
Ademais, moitos eventos teñen un código QR ou ligazón pública á mesma enquisa, pensado para escanear in situ (cartelería, pantalla á saída…). A diferenza da ligazón do correo, esta canle non identifica quen responde e non require ter reservado nin asistido rexistrado — calquera que a escanee pode responder.
Responder a enquisa, por calquera das dúas canles, é sempre voluntario. O correo de invitación inclúe o aviso legal correspondente (responsable do tratamento, finalidade e ligazón á política de privacidade).
O meu perfil
En «A miña área» → pestana O meu perfil podes actualizar os teus datos persoais e cambiar o teu contrasinal.
📸 Captura: pestana «O meu perfil» Sección «Datos persoais» cos campos editables e sección «Cambiar contrasinal» debaixo
Actualizar datos persoais
Modifica os campos que necesites: Nome, Apelidos, Teléfono, DNI / NIE ou Correo electrónico.
Preme Gardar cambios.
O campo DNI / NIE tamén pode modificarse desde aquí se cometes un erro ao rexistrarte, igual que o resto de campos desta pantalla — incluído o correo electrónico, aínda que entraches con Google.
Cambiar contrasinal
Na sección «Cambiar contrasinal», introduce o teu Contrasinal actual.
Escribe o Novo contrasinal (mínimo 8 caracteres).
Repite o mesmo contrasinal no campo Confirmar novo contrasinal. Se os dous campos non coinciden, verás un aviso en vermello e o botón permanecerá desactivado.
Preme Cambiar contrasinal.
En pantallas grandes, os campos «Novo contrasinal» e «Confirmar novo contrasinal» aparecen un ao carón do outro para facilitar a comparación visual.
Se te rexistraches con Google, ao completar o rexistro xa se che pediu un contrasinal — esta sección funciona igual para ti que para calquera outra conta. Desde ese momento podes entrar tanto co botón de Google como co teu correo e ese contrasinal, indistintamente.
Eliminar a miña conta
Ao final da pestana O meu perfil, na tarxeta vermella «Zona de perigo», podes darte de baixa ti mesmo cando xa non queiras usar o servizo.
Preme Eliminar a miña conta. Ábrese unha ventá emerxente co que vai pasar.
Para confirmar, escribe o teu correo electrónico no campo indicado — o botón vermello Eliminar a miña conta para sempre permanece desactivado ata que coincide exactamente co da túa conta.
Ao confirmar, péchase a túa sesión automaticamente e volves á pantalla de inicio de sesión, cun aviso confirmando que a baixa se completou.
Esta acción é irreversible. Ao eliminar a túa conta:
- Cancélanse todas as túas reservas futuras e libéranse esas prazas. Se algunha estaba pagada en liña, iníciase o reembolso automaticamente.
- Perdes o acceso ao teu historial de reservas, entradas e códigos QR.
- Os teus datos persoais (nome, email, teléfono e DNI) elimínanse de forma permanente.
- Non poderás volver iniciar sesión con esta conta — se no futuro queres volver usar o servizo, terás que rexistrarte de novo desde cero.
As túas reservas pasadas non desaparecen do sistema — consérvanse para estatísticas xerais, pero sen ningún dato teu asociado (aparecen como «Usuario eliminado»).
Preguntas frecuentes
Non recibo o email de confirmación
Comproba o cartafol de correo non desexado ou spam. O asunto da mensaxe é «Confirmación de reserva: [nome do evento]».
Se tampouco está en spam, verifica que o email co que te rexistraches sexa correcto entrando en «A miña área» → O meu perfil.
En todo caso, a túa reserva está rexistrada aínda que non chegue o email. Podes ver e descargar o teu QR directamente desde «A miña área» → As miñas reservas → Ver QR.
¿Que pasa se o organizador cancela o evento?
Se o centro organizador cancela unha sesión, recibirás un email de notificación co motivo da cancelación e as instrucións sobre o reembolso:
- Se pagaches en liña: o sistema intentará devolverche o importe automaticamente. Pode tardar varios días segundo o teu banco.
- Se pagaches en taquilla: deberás pasar polo centro para solicitar a devolución do importe.
- Reserva gratuíta ou pendente de pago: cancélase sen reembolso (non pagaras nada).
Perdín o meu código QR
Non hai problema. Entra en «A miña área» → As miñas reservas → Ver QR para volver a velo en pantalla ou imprimilo.
Se non podes acceder á aplicación, o persoal do evento pode identificarte tamén co teu DNI ou NIE.
Non lembro con que correo me rexistrei
O día do evento, o persoal pode buscarte polo teu DNI ou NIE. Leva o teu documento de identidade contigo.
Se queres recuperar o acceso á túa conta, contacta co centro organizador do evento indicando o teu nome, apelidos e número de documento.
A sesión que quero está «Completa»
Significa que non quedan prazas dispoñibles. Non é posible reservar nese momento.
Se o evento ten lista de agarda activa, podes inscribirte e recibirás un aviso en canto se libere unha praza.
Podes revisar se o evento ten outras sesións en datas distintas.
Tamén podes marcar o evento como favorito. Se se abren novas prazas nunha sesión futura, recibirás un aviso na parte superior do catálogo a próxima vez que o visites.
¿Podo reservar para máis dunha persoa?
Si. Ao facer a reserva podes seleccionar ata 5 prazas nun mesmo paso. Todas quedan baixo o teu nome e cun único QR.
Na porta do evento, o persoal confirmará cantas persoas do teu grupo asistiron.
¿Podo ter dúas reservas para o mesmo evento?
Non. Só podes ter unha reserva activa por sesión. Se precisas máis prazas, edita a túa reserva existente aumentando o número (sempre que queden prazas dispoñibles e o prazo siga aberto).
O botón «Reservar praza» aparece desactivado
Pode ter varias causas:
«Reservas Pechadas» — o prazo de reserva rematou. Xa non é posible reservar nesa sesión.
«Sesión completa» — non quedan prazas dispoñibles.
En ambos os casos, comproba se hai outras sesións do mesmo evento con prazas libres.
¿Que pasa se non aparezo na porta?
A túa reserva quedará como non utilizada. Se cres que non vas poder asistir, por favor cancela a túa reserva para liberar as prazas para outros cidadáns.
Asistín ao evento pero non podo deixar unha reseña
As reseñas só están dispoñibles se a túa asistencia foi confirmada na porta polo persoal do evento (co teu QR, o teu DNI ou o teu NIE). Se asististe pero a túa entrada non quedou rexistrada, o contador de prazas asistidas é 0 e o sistema non habilitará a reseña.
Nese caso, contacta co centro organizador para que corrixan o rexistro.
Esquecín o meu contrasinal
Na pantalla de inicio de sesión, preme a ligazón «¿Esqueciches o teu contrasinal?». O sistema enviarache un correo cunha ligazón para establecer un novo. A ligazón é válida durante un tempo limitado.
Se non recibes o correo, revisa o cartafol de spam. Se o problema persiste, contacta co centro organizador.
Se accediches con Google, non necesitas contrasinal: preme o botón de Google na pantalla de inicio de sesión.
Ao rexistrarme dime que o email xa está en uso
Ese correo electrónico xa ten unha conta rexistrada. Proba a iniciar sesión no canto de crear unha conta nova.
Se non lembras ter creado a conta, é posible que o fixeses noutro momento con ese mesmo email. Proba co contrasinal que usas habitualmente ou contacta co centro para que che axuden a recuperar o acceso.
Ao entrar con Google dime que xa teño conta con ese email
A mensaxe exacta é: «Xa tes unha conta con este email. Inicia sesión co teu contrasinal.»
Significa que nalgún momento te rexistraches con ese email usando contrasinal, non con Google. Para acceder, usa a opción de email e contrasinal na pantalla de inicio de sesión.
O meu pago procesouse pero a reserva segue como pendente
Ás veces a pasarela de pago tarda uns minutos en confirmar a transacción. Espera 5 minutos e recarga a páxina de «As miñas reservas».
Se pasado ese tempo a reserva segue como pendente de pago, contacta co centro organizador indicando o número de referencia que aparece na pantalla de confirmación do pago.
Manual do cidadán · Sistema Integral de Reservas · Versión 1.0